Adxudicadas as obras de acondicionamento de 20 camiños e pistas por 211.000 euros
A empresa Mantiñán resultou adxudicataria dos traballos
Valdoviño, 12 de abril do 2023. O Concello de Valdoviño vén de adxudicar as obras de acondicionamento de 20 camiños e pistas da rede municipal á empresa Mantiñán por 211.025 euros, que se financiarán con cargo aos fondos provinciais. En primeira instancia, a intervención adxudicábase a Excavaciones Saavedra y López SL, aínda que finalmente a firma renunciaba ao contrato, obrigando de novo á Administración local a reiniciar o procedemento e optar pola segunda oferta mellor valorada.
O contrato contempla o acondicionamento dos camiños e pistas de Viansil (parroquia de Lago); Latoal e Lousada (Loira); Taraza e Tuimil (Meirás); Xavariz, Moreira e Cadaval (Pantín); A Bedoxa, Preitela e Monetes (Sequeiro); Boeiro, O Muíño, Aviño e rúa Imeldo Corral (Valdoviño); A Vispeira (Vilaboa), e Vilela, Pena, Ermida de Liñeiro e Vilarrube (Vilarrube).