Adxudicada por máis de 31.000 euros a renovación integral da rotulación das súas rúas, lugares e parroquias

O contrato inclúe o subministro de 624 sinais para todo o municipio

Valdoviño, 20 de marzo do 2023. O Concello acaba de adxudicar oficialmente o subministro de toda a sinalización da denominación de rúas, lugares e parroquias do municipio. O proxecto, no que se investirán 31.366 euros, solucionará as carencias dos indicadores existentes neste momento, contribuíndo a unificar a imaxe do espazo público e facilitar a orientación de viandantes e condutores, algo importante, por exemplo, en caso de emerxencias.

A firma Proyectos Integrales de balizamiento S.L. será a encargada de entregar as 624 placas contempladas no contrato. Haberá un modelo para rotular as rúas da zona urbana, outro para os lugares da zona rural do municipio e un terceiro, de tamaño máis grande, para identificar as parroquias. Este último plasmará un mapa da zona, así como a distribución da numeración na rede viaria e os puntos de interese e equipamentos que se poden atopar.

Desta forma nos próximos meses pasarán á historia os indicadores que hoxe se poden ver, deteriorados polo paso do tempo, e distintos entre si no que respecta ao deseño e aos materiais, por mor da súa instalación en momentos diferentes. A isto hai que engadir que, en moitos casos, están desfasados.

Así, a nova “sinalética” axustarase os últimos procesos de actualización da toponimia, coa recuperación dos nomes orixinais de moitas rúas, e a recente aprobación da primeira numeración oficial do municipio. Trátase pois dunha actuación moi necesaria, que axudará a que veciños, especialmente os residentes máis recentes, e visitantes se localicen con maior facilidade, evitando, no caso de ir conducindo, vacilacións ao volante.