Adiántanse ao sábado as semifinais e a final do Pantín Classic 2024
A entrega de premios está programa para as 18 horas no Escenario principal
Valdoviño, 30 de agosto do 2024.As semifinais e a gran final do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO, única proba do circuíto WSL España, adiántanse a este sábado 31 de agosto para espremer as mellores condicións do mar. A organización adiantaba a decisión, nunha xornada “épica”, con ondas incribles, na que se puido desfrutar nada menos que de once horas ininterrompidas de competición.
Segundo informa a organización pasan a cuartos de final os franceses Luan Nogues, Charly Quivront, Gatien Delahaye, Nicolas Paulet, Jorgann Couzinet, o luso Afonso Antunes, e os españois Hans Odriozola e Sexan Gunning.
Polo camiño quedan outros deportistas destacados como Andy Criere, do equipo olímpico español; Adur Amatriain, -campión no 2021 e no 2022-, Lukas Skinner, Joaquim Chaves ou o vixente campión do Pantín Classic, Maxime Huscenot.
Entre as mozas, durísima competencia que deixa sen representación española a fase final do evento. Competirán este sábado Teresa Bonvalot, Carolina Mendes e Francisca Veselko (POR), Noah Klapp (GER), Bahia Frediani, Tya Zebrowski -con tan só 13 anos- e Sarah Leiceaga (FRA), e a israelí Anat Leloir.
Segundo avanzan dende a organización, a entrega de premios está prevista para mañá ás 18 horas no escenario principal, seguido do prato forte musical co concerto en directo de Mario Azurza, Fuah e DJ Caste.