ADEGA repasa a historia dos seus 50 anos de vida nunha mostra que pode visitarse xa no exterior da casa da cultura de Valdoviño

O alcalde, Alberto González, e a directiva da entidade ecoloxista, Adela Figueroa, inauguraban esta mañá a exposición

Valdoviño, 11 de setembro do 2025. ADEGA inauguraba esta mañá no anfiteatro da casa de cultura de Valdoviño «50 anos coidando a terra», unha exposición na que repasa dun xeito resumido a súa actividade neste medio século de historia. Xunto ao alcalde, Alberto González, que agradecía o labor da entidade e a elección do municipio como destino da súa mostra itinerante, participaba no acto Adela Figueroa, directiva e primeira muller que ostentou a presidencia de ADEGA. Entre o público estaba tamén o neto do seu impulsor, Domingo Quiroga; o delegado en Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural, Xan Rodríguez Silvar, e máis María José García Ponte, presidenta da Asociación Etnográfica e da Natureza Aetna, de Maniños (Fene).

Na súa intervención, Adela Figueroa falou polo miúdo do compromiso de ADEGA con Galicia, co seu territorio, pero tamén co seu patrimonio, cultura e lingua. Reivindicou a orixe das cousas e o principio de autosuficiencia, e invitou á cidadanía a reflexionar sobre o mundo que desexa deixar aos seus fillos e fillas. Asegurou que Galicia debe ser terra de solidariedade, en lugar de terra de sacrificio, e abordou os retos nos que hoxe en día ADEGA centra a súa actividade, como é a racionalización dos parques eólicos e unha xestión de prevención eficaz contra os incendios. Destacou tamén o capital humano da asociación ecoloxista, a máis lonxeva de Galicia, e comprometeu a continuidade do traballo iniciado nestes 50 anos.

A mostra poderá visitarse ata o 23 de setembro, e conta co apoio financiero da Deputación da Coruña.