Actuación do coro de cámara Madrigalia este domingo na igrexa de Lago

Con entrada libre ata completar aforo, dará comezo ás 18 horas

Valdoviño, 15 de marzo de 2022. O Concello de Valdoviño convida este domingo á veciñanza a asistir á actuación do coro de cámara Madrigalia na igrexa parroquial de Lago. O recital, baixo o título «Música para un tempo feliz», dará comezo ás 18 horas con entrada libre ata completar aforo. 

A cita conta co apoio da Deputación provincial da Coruña a través da Rede Cultural, e retómase despois dun aprazamento previo por causa de forza maior. 

Madrigalia, fundada en 1988 como Asociación sen ánimo de lucro, está formada por coralistas afeccionados, algúns deles cantores profesionais que, baixo a dirección de profesores de alto nivel, buscan unha coidada interpretación das obras que programan, seleccionadas entre a música culta de todo tempo e lugar.