Aberto o prazo para tramitar a comunicación das fogueiras de San Xoán e San Pedro

Debe realizarse no rexistro ou sede electrónica municipal

Valdoviño, 8 de xuño de 2022. O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da apertura do prazo para realizar a comunicación das fogueiras de San Xoán e San Pedro nos espazos privados dos núcleos urbanos e rurais. Debe formalizarse no Rexistro Xeral da casa consistorial ou sede electrónica antes das 13 horas do 22 de xuño para San Xoán e antes das 13 horas do 27 de xuño para San Pedro. 

Nun bando emitido pola Alcaldía, lembra que haberá que ter en conta en todo caso as seguintes precaucións:

-Deberá de manterse unha distancia de seguridade de 25 metros de vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos, e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas. Non se poden queimar residuos perigosos ou tóxicos. A altura máxima da fogueira será de 2 metros.

-Previamente ao seu inicio, deberá facerse unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa axeitada rodeando o perímetro da luminaria. E se disporá có material e medios suficientes para o seu debido control.

-Non se poderá realizar a luminaria cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, sobre todo polo vento, ou se a Consellería de Medio Rural suspendera as queimas nesa xornada.

-Non se poderá abandonar o lugar da fogueira mentres non estea totalmente extinguida.

BANDO VALDOVIÑO