Aberto o prazo para tramitar a comunicación das fogueiras de San Xoán e San Pedro

O Concello lembra que a medida atinxe ás fogueiras tradicionais, e non ás queimas, xa que estas deben ser comunicadas á Xunta de Galicia

Valdoviño, 8 de xuño do 2023. O alcalde en funcións, Alberto González, informou esta mañá da apertura do prazo para realizar a comunicación das fogueiras de San Xoán e San Pedro nos espazos privados dos núcleos urbanos e rurais do municipio. Debe formalizarse no rexistro xeral da casa consistorial ou sede electrónica antes das 12:00 horas do 22 de xuño para San Xoán e antes das 12:00 horas do 27 de xuño para San Pedro. 

En todo caso, lémbrase que as comunicacións deberán corresponder a fogueiras tradicionais, nunca a queimas. No caso de queimas agrícolas e queimas de restos forestais deben comunicarse e solicitar autorización respectivamente á Xunta de Galicia. 

Así, nun bando emitido pola Alcaldía, lembra que de cara a San Xoán e San Pedro haberá que ter en conta as seguintes precaucións: 

-Gardar unha distancia de seguridade de 25 metros a vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos, e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas. Non se poden queimar residuos perigosos ou tóxicos. A altura máxima da fogueira será de 2 metros.

-Previamente ao seu inicio, deberá facerse unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa axeitada rodeando o perímetro da luminaria. E se disporá có material e medios suficientes para o seu debido control.

-Non se poderá realizar a luminaria cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, sobre todo polo vento, ou se a Consellería de Medio Rural suspendese as queimas nesa xornada.

-Non se poderá abandonar o lugar da fogueira mentres non estea totalmente extinguida.

BANDO FOGUEIRAS