Aberto o prazo para solicitar autorización para as luminarias de San Xoán e San Pedro
Debe tramitarse no rexistro xeral da casa consistorial ou sede electrónica
Valdoviño, 10 de xuño de 2024. O Concello de Valdoviño abre o prazo para solicitar as correspondentes autorizacións para as luminarias de San Xoán e de San Pedro en ámbitos de solo urbano e núcleo rural. O trámite debe formalizarse no rexistro xeral da casa consistorial de 9:00 a 13:00 horas ou a través da sede electrónica -antes do 21 de xuño para San Xoán e ata o día 28 para San Pedro–
Ademais, o alcalde, Alberto González, emitía un bando no que se lembra á veciñanza as precaucións a tomar nestas xornadas:
-deberá manterse unha distancia de seguridade de 25 m de vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos, e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas. Non se poderán queimar residuos perigosos ou tóxicos, e a altura máxima da fogueira será de 2 m
-a queima quedará totalmente extinguida
-previamente ao seu inicio, deberá facerse unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa rodeando o perímetro que se vai a queimar
-non se poderá iniciar ningunha queima cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento
-non se abandoará a vixiancia da zona de queima ata que o lume estea totalmente apagado, e en toda queima autorizada deberase contar con material suficiente para o seu debido control
En todo caso, trátase de luminarias como elemento festivo e non autorizacións de queima, sempre en ámbitos de competencia municipal, lembrando que en solo rústico a competencia é da Xunta.