Aberto o prazo para inscribirse nos talleres de cerámica que impulsará o Concello no Pantín Classic
Os talleres, programados para os días 22 e 29 de agosto, contan co financiamento de Abanca
Valdoviño, 17 de agosto do 2026. O Concello de Valdoviño, a través do Océano Surf Museo, organiza este ano, no marco da programación do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, un par de obradoiros de cerámica, impartidos por Mai Estudio Cerámica. A iniciativa, que amplía o abano de actividade paralelas que impulsa a organización do certame, aposta por dar a coñecer aos visitantes desta cita de surf as técnicas de modelado para crear un chaveiro único ao tempo que proxecta o traballo que desenvolve esta firma local. Está aberta a inscrición.
Os obradoiros, que levan por título “Crea o teu chaveiro surfeiro”, e contan co financiamento de Abanca, desenvolverase os sábados 22 e 29 de agosto, a partir das 12:00 horas no village do certame. Un punto cheo de vida polo que pasarán, un ano máis, veciños, veciñas e milleiros de turistas amantes do surf.
Trátase dunha proposta gratuíta, aberta a persoas de todas as idades, a partir de 6 anos, que teñan curiosidade por coñecer o proceso e que queiran probar a experiencia. A idea, crear e decorar un chaveiro que, como non podía ser doutro xeito dado o escenario, terá forma de táboa de surf empregando barro natural.
Para participar, cómpre inscribirse con anterioridade, escribindo un Whatsapp ao teléfono 622377001 ou enviando un mail a info@maiestudioceramica.com. O prazo para apuntarse concluirá o día antes de cada taller, co obxectivo de poder preparar os materiais precisos, que correrán por conta do Concello. E as prazas serán limitadas.
Con esta nova actividade, a administración local reforza a súa aposta por aproveitar o Pantín Classic como escaparate para as marcas locais. Por segundo ano, contará ademais cun espazo expositor e de venda patrocinado para a presenza de artesáns e produtores de Valdoviño.
