Aberta a inscrición para a última ruta guiada de sendeirismo do proxecto “Valdoviño Mar”

Turismo apúntase que aínda quedan prazas vacantes para a nova saída pola Senda das Ondas 

Valdoviño, 22 de agosto de 2022. O Concello de Valdoviño porá esta semana o punto e final ao seu programa estival de rutas guiadas de sendeirismo. E farao cunha nova saída pola Senda das Ondas. O itinerario terá lugar o vindeiro sábado e conta aínda con algunhas prazas vacantes.

A última saída do proxecto “Valdoviño mar” permitirá aos camiñantes percorrer o treito de costa comprendido entre o aparcadoiro da praia de Pantín (no extremo de Marnela) e máis o popular miradoiro do Paraño desde o que se ten a mellor vista do complexo natural protexido que conforman a praia, as dunas, e máis a lagoa da Frouxeira.

A Senda das Ondas, que percorre a costa local entre as praias con maior interese para a práctica do surf, reúne neste treito interese paisaxístico -unha sucesión de atalaias sobre o Atlántico- e xeolóxico, permitindo coñecer estruturas como a falla de Valdoviño.

A ruta, de 8 quilómetros e dificultade baixa, partirá do citado estacionamento ás 10 da mañá e terá unha duración dunhas tres horas e media. E para participar nesta actividade completamente gratuíta, coa que o Concello busca pór en valor o seu litoral, cómpre inscribirse na oficina de turismo (Porta do Sol, s/n) ou no teléfono 981 48 76 73.

«Valdoviño Mar» conta co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, e está guiado pola empresa Singular Traveler.