Aberta a inscrición nas xornadas formativas para familias do programa “Nenas e nenos. Educación Sexual Básica”

A primeira celebrarase o 29 de xaneiro, de 16:30 a 18:30 h no CPI Atios

Valdoviño, 23 de xaneiro do 2025. O CPI Atios acollerá o vindeiro mércores 29 de xaneiro a primeira das dúas sesións dirixidas ás familias do programa «Nenas e nenos. Educación Sexual Básica». Terá unha duración de 2 horas, de 16:30 a 18:30 h, guiada por profesionais da sexoloxía, que aportarán a nais e pais as ferramentas necesarias para axudarlles a facer un mellor acompañamento educativo no crecemento de nenas e nenos, procurando unha relación positiva co seu corpo e co das demais persoas, e sobre todo, favorecendo unha vivencia segura e enriquecedora da súa sexualidade. A segunda sesión, para coñecer o traballo realizado co alumnado, terá lugar o 4 de febreiro.

Poderán participar familias con fillos e fillas matriculadas nos ciclos de Educación Infantil e Primaria, principais destinatarias do proxecto que impulsan conxuntamente Concello e ANPA Beiramar co apoio do CPI Atios e do CRA de Valdoviño. Iso si, é preciso inscribirse previamente a través dos Servizos Sociais Municipais -planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 ext.5- ou da ANPA Beiramar.

O programa «Nenas e nenos. Educación Sexual Básica», que conta con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, arrincaba esta mesma semana nas aulas do CPI Atios e tamén nas escolas unitarias, ademais de celebrarse xa algunha das formacións específicas para o persoal docente.