Aberta a inscrición en Deporte de Nadal!

A Concellería de Deportes promoverá un programa para axudar a conciliar e fomentar a práctica deportiva nas vacacións escolares

Valdoviño, 30 de novembro de 2021. O Concello activará nas vacacións escolares “Deporte de Nadal!”. Un completo programa de lecer para os nenos e nenas de entre 5 e 12 anos pensado especialmente cun dobre obxectivo: facilitar ás familias a necesaria conciliación de traballo e coidado dos fillos e fillas e favorecer a práctica deportiva cunha morea de actividades.

Así, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que o programa celebrarase no pavillón municipal de O Longoiro do 27 ao 30 de decembro e máis do 3 ao 5 de xaneiro, en horario de 09,30 a 13,30 horas. A cuota é de 10 euros e as prazas son limitadas, con preferencia para aos/as empadroados/as en Valdoviño. Todas as actividades, recalca o concelleiro, desenvolveranse baixo un estricto protocolo de prevención fronte á covid e habilitaranse áreas diferenciadas integradas por grupos burbulla.

Entre as actividades, atletismo, baloncesto, xogos con música, balonmán, xogos tradicionais, bádminton, fútbol sala e psicomotricidade.

A inscrición ábrese hoxe, 30 de novembro, e manterase ata o día 15 de decembro. Para formalizala é preciso cubrir o formulario web https://forms.gle/zQsFUekaqsURsx4W9  ou enviar un whatsapp a 626 465 531 sinalando nome e apelidos do/a neno/a, data de nacemento, municipio de empadronamento e teléfono de contacto do/a responsable legal. A partir de aí, o Concello contactará coa persoa interesada.