A zona recreativa do Clube Náutico de Vilaboa, escenario este domingo do espectáculo “As fillas bravas e o mito de Casandra”, de Chévere Teatro

As persoas interesadas en participar da nova proposta cultural do Concello poden retirar a súa invitación na Casa da Cultura

Chévere Teatro representará en Valdoviño o seu espectáculo «As fillas bravas e o mito de Casandra». E farao este domingo ás 20 horas nun escenario privilexiado: a zona recreativa do Clube Náutico de Vilaboa. Unha función que conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural. 

As persoas interesadas en tomar parte poden retirar as súas invitacións na Casa da Cultura de 10 a 14 horas ata o venres (ou esgotar prazas). 

As Fillas Bravas -Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar- son tres pandeireteiras do lugar de Momán, parroquia de Trabancas, concello de Padrenda, que cantan coplas e contan historias escoitadas ou inventadas, con moita retranca e non menos sabedoría. Nesta nova obra, As Fillas Bravas usarán as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para sensibilizar sobre o impacto do cambio climático na nosa forma de vida. As Fillas Bravas e o mito de Casandra é, por un lado, unha obra na que tres mulleres maiores de aldea tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando a sabedoría popular e a súa propia experiencia vital; e por outro, é un espectáculo con perspectiva de xénero á procura de modelos de empoderamento feminino. 

O seu obxectivo é achegar ao público referentes positivos e próximos de personaxes de mulleres. Colocar o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa, implicada na colectividade. E ao mesmo tempo, ofrecer unha visión divertida, pero igualmente directa e sen prexuízos, do impacto que o cambio climático ten e terá na nosa sociedade e nas nosas vidas.