A XXX edición do Torneo de Fútbol Concello de Valdoviño celebrarase o 28 de agosto no campo municipal de Mourente
Nesa mesma xornada disputarase tamén o torneo femInino, que enfrontará ós equipos do Amistade e CD Rosalía de Vilaboa
Valdoviño, 11 de agosto de 2022. Tras un parón forzado pola pandemia da covid-19, o Torneo de Fútbol Concello de Valdoviño regresará ó calendario deportivo local o domingo 28 de agosto. Alcanzará a cifra redonda de 30 edicións, e os representantes dos 4 equipos do municipio que tomarán parte na cita presentaban o calendario da competición xunto ó concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra. Elixían como escenario o campo municipal de Mourente, instalacións onde se disputarán este ano os encontros. Alí se reunían Alejandro López, do Meirás CF; Jesús García e Manuel Ángel Casas do CD Rosalía de Vilaboa; José Luis Campos da SD Valdoviño, e José Manuel Mourente da Escola Fútbol Base Amistade.
Ademais, nesa mesma xornada, o terreo de xogo de Mourente acollerá o torneo feminino, que enfrontará ós 2 equipos locais, o do Amistade e CD Rosalía de Vilaboa. Unha apaixoante cita previa á gran final da competición masculina.
O Meirás e o Amistade inaugurarán o torneo ás 16:30 h, e unha hora despois, saltarán ó terreo de xogo o Valdoviño e o Vilaboa. Ás 18:30 h disputarase o partido que determinará o terceiro e cuarto posto. Ás 19:30 chegará a final feminina e ás 20:30 a masculina. Entrega de trofeos ó remate.
Dende o Concello, promotor do torneo xunto aos clubes participantes, anímase á veciñanza e tamén ás persoas que visitan o municipio a acudir ao mesmo, un dos máis veteranos da comarca, e desfrutar deste auténtico espectáculo de fútbol.