A XXV Baixada de Carrilanas a San Mamede abre inscricións a través do portal web da Federación Española de Deportes de Inercia

A cita celebrarase do venres 11 ao domingo 13 de agosto

Valdoviño, 24 de xullo do 2023. A Baixada de Carrilanas a San Mamede abre inscricións a través do portal web da Federación Española de Deportes de Inercia (www.fedei.com) e avanza xa programa na que será unha edición moi especial, xa que cumprirá neste 2023 o cuarto de século. Celebrarase do 11 ao 13 de agosto, coa previsión de manter ou incrementar as magníficas cifras do pasado ano, tanto de participación -cun máximo de 80 pilotos- como de afluencia de público. Contará de novo cun percorrido espectacular, no que os pilotos poderán lucirse e amosar a súa habilidade ao longo de 1.207 metros, con saída no Graño e meta en San Mamede. Haberá 3 premios para as carrilanas máis humorísticas, e trofeos para os 3 primeiros clasificados, ademais do premio ao mellor salto.

A cita arrancará o venres 11 de agosto ás 12:00 horas, coa apertura da zona de acampada gratuita. O sábado 12, de 14:00 a 16:00 horas terán lugar as verificacións técnicas e administrativas, co remonte de participantes á liña de saída sobre ás 16:00 h. Media hora despois, comezarán os adestramentos oficiais, e ás 18:00 horas, producirase a saída da 1ª Baixada Oficial. O programa do día pecharase coa tradicional cea carrilaneira ás 20:00 h, e o mítico festival de karaoke ás 22:00 h.

O domingo 13 celebrarase ás 12:00 h a Baixada Infantil (nenos/as de 6 a 13 anos) e Correpasillos (de 1 a 5 anos), e unha hora máis tarde, arrancará a sesión vermú previa á paellada de marisco, con prezos populares. Ás 15:30 h iniciarase o remonte dos participantes á liña de saída, e ás 16:30 h, terá lugar a saída da 2ª Baixada Oficial, e ás 18:00 h, a 3ª. Sobre as 20:00 h, disputarase o Concurso de Saltos, para ás 21:00 h, celebrar o acto de entrega de trofeos.

35 persoas traballan xa na organización, ampliándose a 50 nos días de celebración da baixada. Tamén Policía Local, Protección Civil e Garda Civil apoiarán o dispositivo de seguridade da cita, na que colabora o Concello de Valdoviño.