A Xuntanza de Palilleiras de Valdoviño reunirá este sábado a preto de 300 artesás procedentes de toda Galicia e Portugal
A cita regresa ao calendario festivo local, organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello
Valdoviño, 7 de xuño do 2023. Preto de 300 persoas procedentes de toda Galicia, e tamén de Portugal, daranse cita este sábado en Valdoviño na IV edición da Xuntanza de Palilleiras e Multilabores. Está organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello de Valdoviño, e regresa ao calendario municipal tras o parón forzado pola covid. Arrancará sobre as 10:30 h no pavillón do CPI Atios, coa recepción ás persoas participantes, e sobre as 11:15 h, o alcalde en funcións, Alberto González, inaugurará a cita. Tras a súa intervención, a Asociación Valdoviño Cultura Extrema porá a nota musical cunha batukada, para dar paso entón a exhibición do traballo das palilleiras, ata as 14:00 horas. Parón para xantar, e regreso da actividade ás 16:00 h. Xa pola tarde haberá o sorteo de agasallos, e sobre as cinco e media, actuación estelar do grupo Los Nostálgicos.
Así mesmo, nesta edición, a xuntanza contará coa asistencia das rendilheiras de Vila do Conde. A Asociación Rancho da Praca amosará o seu traballo e exporá unha selección dalgunhas das súas labores. Unha das entidades con maior tradición en Europa.
O Concello organizará tamén unha visita guiada para as participantes ao Océano Surf Museo, o único adicado a este deporte en España, e a Asociación promotora da cita inaugurará na Casa da Cultura unha mostra con algúns dos óleos, acrílicos e traballos de manualidades realizados ao longo do curso nos seus talleres. Poderá visitarse nesa xornada de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.