A Xunta somete a información pública o proxecto do parque eólico Novo

Supón a modificación substancial do parque eólico en funcionamento coa substitución dos 25 aeroxeneradores actuáis por outros 6 de maiores dimensións e potencia, mantendo a potencia total instalada

Despois de que a Xunta acordase declarar o proxecto do parque eólico Novo nos concellos de Narón, San Sadurniño e Valdoviño como iniciativa empresarial prioritaria, a Administración autonómica publicaba no Diario Oficial de Galicia de hoxe o anuncio polo que se somete a información pública a solicitude de Naturgy Renovables S.L.U. da autorización administrativa previa do proxecto, a declaración de utilidade pública -a necesidade de urxente ocupación-, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico). Deste xeito, a partir de mañá 1 de setembro, e por espazo de 15 días, ábrese un periodo de presentación de alegacións.

Na práctica, e tal e como se recolle no DOG, o proxecto, cun orzamento de 23,1 millóns, supón a modificación substancial do parque eólico en funcionamento Novo, consistente na substitución dos 25 aeroxeradores actuais de 750 kW de potencia nominal unitaria por 6 aeroxeradores de maiores dimensións e potencia unitaria cada un deles, mantendo a potencia total instalada (18,75 MW).

En todo caso, a declaración de utilidade pública, de acordo co artigo 56.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Así, a documentación a exposición pública resúmese en:

-O Proxecto de execución
-Plano xeral do proxecto do parque eólico.
-A relación concreta e individualizada dos propietarios de bens e dereitos afectados polo proxecto
-Planos individuais dos predios afectadas polo proxecto
-O estudo de impacto ambiental
-O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal

Dende a Xunta informan de que a documentación estará á disposición dos interesados nas dependencias da sección de Enerxía desta Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (rúa Vicente Ferrer, núm. 2-2º andar, 15071 A Coruña, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, con cita previa no correo electrónico seccion.
enerxia.coruna@xunta.es ou nos teléfonos 981 18 49 83 e 981 18 49 23), así como nos concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño.

Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do seguinte enlace: https://ceei.xunta.gal/transparencia/parque-eolico-novo O estudo de impacto ambiental estará tamén dispoñible, durante o mesmo prazo, nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

En paralelo, o Concello de Valdoviño está a elaborar o informe municipal sobre o proxecto.

PARQUE NORDÉS E BADULAQUE
Doutra banda, o Concello lembra que continúa a exposición pública o estudo de impacto ambiental do parque Nordés, así como que o día 6 de setembro conclúe o prazo de presentación de alegacións ao parque Badulaque.