A Xunta promove o lecer activo en Ferrolterra a través do minicampamento Valdoviño Mariño

A iniciativa que se leva a cabo en Meirás, inclúe actividades como surf, paddle surf, caiac, body board, así como outras propostas deportivas como sendeirismo ou fútbol praia

Valdoviño, 25 de agosto do 2026. Un ano máis, Valdoviño acolle un dos minicampamentos da campaña Modo Verán Activo da Xunta para cativos e cativas. En concreto, a quinta edición de Valdoviño Mariño, en Meirás. A través deste proxecto, a Administración autonómica financia estadías de cinco días en aloxamentos turísticos para nenos e nenas. Coincidindo co inicio da última quenda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, visitaba esta mañá aos rapaces e rapazas acompañada da concelleira de Servizos Sociais e Turismo, Rosana García; o edil de Infraestruturas Viarias, Germán Gómez, e a edila popular Ana Arroyo.

A responsable autonómica destacou a oportunidade que esta actividade supón para a vintena de nenos participantes á hora de achegarse “a un ocio activo e saudable”. Así, entre as accións a realizar neste minicampamento centrado en actividades náuticas inclúese o surf, paddle surf, caiac, body board, así como outras propostas deportivas como sendeirismo ou fútbol praia. A desta semana é a terceira das tres quendas que este ano aglutinou Valdoviño Mariño VI.