A Xunta de Goberno Local adxudica as obras de mellora da accesibilidade e seguridade no acceso ao Ariño por 127.082,89 euros

A empresa SYR-AMG será a encargada de executar a actuación en Pantín

A Xunta de Goberno Local de Valdoviño aprobou a adxudicación provisional das obras de mellora da accesibilidade e a seguridade peonil no acceso ao Ariño, en Pantín, á empresa SYR-AMG cun investimento de 127.082,89 euros. A intervención financiarase con cargo aos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019) da Deputación provincial da Coruña, cun prazo de execución de catro meses. 

O proxecto pretende mellorar a seguridade do vial que dá acceso á praia de Pantín no lugar de Ariño, onde o escaso ancho da estrada actual (entre 4 e 3,20 metros) e a alta intensidade de tráfico que rexistra durante o verán, así como a densidade poboacional da zona, supoñen un perigo para os viandantes. 

A estrada ten unha lonxitude total dalgo máis dun quilómetro e, tanto no tramo dos 100 metros finais coma nos primeiros 550 metros, carece de beiravías. 

O proxecto dotará á zona dun acceso peonil seguro de 1,30 metros de ancho ao longo dos 1.040 metros do vial, executado en soleira de formigón, con reforzo e regularización da calzada que será pavimentada, previo rebacheo, con aglomerado en quente de 6 cm de espesor. Para elo será necesario o retranqueo de tres postes de alumeado público e a reconstrución das interseccións con outros camiños pavimentados. 

EFICIENCIA ENERXÉTICA

As obras completaranse coa substitución do alumeado público actual por un novo sistema de luminarias LED de 40 w, que melloran a eficiencia enerxética e lumínica, e o pintado das liñas, bordos e pasos do vial.

 

.