A Xunta convoca aos propietarios afectados polo proxecto de mellora das paradas de bus para o levantamento de actas previas á ocupación

En Valdoviño, o acto terá lugar o 24 de setembro ás 12:30 horas no salón de plenos da casa consistorial

Valdoviño, 1 de setembro do 2026. O proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús que promove a Xunta de Galicia avanza no proceso administrativo, e o Boletín Oficial da Provincia publicaba onte o anuncio para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, no que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o seu valor e os prexuízos determinantes da rápida ocupación. Na área de intervención, que abrangue os concellos de As Somozas, A Capela, As Pontes, Cedeira, Narón, Ortigueira e Valdoviño, hai 23 parcelas afectadas, e os propietarios están convocados no noso municipio o 24 de setembro ás 12:30 horas no salón de plenos da casa consistorial. Así mesmo, a relación de afectados pode consultarse no taboleiro de anuncios, e tamén, no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer nº 2, 8º andar, 15.071 A Coruña), e web da consellería: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=aviso_0397.xml. Tamén recibirán unha notificación individual.

O proxecto, aprobado o pasado 15 de decembro de 2025 pola Xunta, contempla a mellora dos aparcadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída así como o acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna de 61 paradas, tratando de dar cumprimento á normativa vixente de accesibilidade e utilización do transporte público. Tamén se proxecta a colocación de refuxios, coa tipoloxía definida pola Dirección Xeral de Mobilidade, e se deseñou a mellora da sinalización horizontal e vertical, entre outras obras.

En Valdoviño investiranse 342.903,65 euros en cinco paradas sitas xunto á cooperativa de Meirás, Sequeiro, Lago, Marnela e Pantín.