A Xunta concede ao Concello de Valdoviño unha axuda de 6.000 euros para a redacción do seu plan de acción local contra o cambio climático

O alcalde, Alberto González, participou esta mañá en Santiago nun encontro de rexidores coa conselleira de Medio Ambiente sobre este programa

A Xunta resolveu hoxe a segunda convocatoria das axudas para a redacción de Plans de acción para o clima e a enerxía sustentables (Paces), grazas á cal se conceden 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe global de 337.000 euros. Un deles foi Valdoviño, que recibirá unha achega de 6.000 euros. 

Precisamente, o alcalde, Alberto González, desprazábase esta mañá a Santiago para participar nun acto de representantes municipais coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sobre este programa. Os plans de accións contra o cambio climático contemplan a elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e a avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. O de Valdoviño está actualmente en fase de elaboración.