A Xunta abre hoxe ó tráfico o trazado mellorado na AC-566, dende a saída de Valdoviño ata A Ramalleira, no que se está a investir máis de 3,6 millóns

Os avances nas obras de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira permiten poñer xa en servizo provisional un carril por sentido de circulación

Valdoviño, 25 de febreiro de 2022. A Xunta abre ao tráfico desde este venres o trazado mellorado da estrada AC-566, no marco das obras en execución de acondicionamento nesta vía autonómica, desde a saída de Valdoviño ata A Ramalleira. 

Os avances nesta actuación de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira, na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a investir máis de 3,6 millóns de euros, permiten poñer en servizo provisional o novo treito da estrada AC-566 entre os puntos quilométricos 13+100 e 17+070. 

O trazado ponse en servizo provisionalmente con un só carril por sentido de circulación, téndose aplicado unha capa intermedia de firme para a súa apertura ao tráfico.

Os carrís adicionais de adiantamento, que se prevé habilitar coas obras, configuraranse no final da intervención, momento no que se disporá tamén a capa de rodaxe do firme definitiva e se rematará a instalación dos diferentes elementos de seguridade da estrada. 

Mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira

O departamento de Infraestruturas da Xunta iniciou estas obras de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira en febreiro do pasado ano, e o obxectivo é telas rematadas a mediados deste ano, xa que contan cun prazo de execución de 18 meses. 

A intervención recolle a redefinición do trazado en 4 km da estrada que vai a Cedeira, ao seu paso por Valdoviño, dotándoa dun terceiro carril para vehículos lentos e coas mínimas afeccións ambientais na zona de protección de Rede Natura. 

Ensancharase e reforzarase o firme desta estrada ao longo de algo máis de 2 quilómetros. Nos outros preto de 1,9 quilómetros que comprenden a actuación, procederase á rectificación de curvas, á mellora de interseccións ou cambios de sentido e ao aumento de sección, habilitando un carril adicional para favorecer os adiantamentos.

Deste xeito, a intervención permitirá habilitar carrís de adiantamento para vehículos lentos en case a metade do treito no que se actúa. 

Ademais, aínda que no inicio da actuación se executan carrís adicionais na estrada para favorecer adiantamentos máis seguros, a vía manterá o seu trazado actual ao seu paso pola canteira e o pequeno val que hai nese punto, para minimizar afeccións. Na canteira rectificarase a curva que hai ao seu carón. 

Igualmente manterase o trazado actual da estrada cara ao treito final da actuación, chegando á Ramalleira, para non afectar ás numerosas edificacións que hai en ambas as marxes. 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez persegue coas obras de mellora na AC-566 favorecer a mobilidade dos veciños, fundamentalmente de Valdoviño e de Cedeira, e incidir no reforzo da seguridade viaria de todos os usuarios que transiten por esa vía, pola que circulan uns 5.000 vehículos ao día. 

Tamén propiciará desprazamentos máis cómodos e tempos de percorrido máis reducidos entre os municipios da zona. Estímase que unha vez realizada a mellora se poderá reducir en preto dun 30% o tempo de tránsito polos 4 quilómetros de estrada que se acondicionan.