A xogadora de balonmán Alicia Fernández revalida por terceiro ano consecutivo o título de Mellor Deportista de Valdoviño
O Concello celebraba esta tarde a súa III Gala do Deporte
Valdoviño, 16 de decembro do 2022. Por terceiro ano consecutivo, a xogadora valdoviñesa de balonmán Alicia Fernández proclamábase a Mellor Deportista do Ano durante a Gala do Deporte de Valdoviño. E este ano si, á terceira foi a vencida, e a xogadora do Rapid de Bucarest de Rumanía, unha das mellores ligas do mundo, puido recibir o galardón de mans do alcalde, Alberto González, nun auditorio da casa da cultura, escenario da gala, que volveu a colgar o cartel de aforo completo.
Alberto González presidía o acto, conducido tamén un ano máis polo xornalista Raúl Salgado, á súa vez, integrante do xurado xunto a Juan Quijano (Diario de Ferrol) e Adán Puentes (Galicia Ártabra Digital) encargado de avaliar as candidaturas presentadas por veciños e veciñas, clubes e federacións. Unha oportunidade de recoñecer e poñer en valor os méritos, sacrificio, traballo e logros dos e das deportistas locais no 2021.
Alicia repetiu como Mellor Deportista do Ano por méritos propios: militante indiscutible da selección española e unha das mellores xogadoras do panorama internacional, ademais de veciña comprometida con Valdoviño, como sinalaba o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra. A súa participación nos Xogos Olímpicos de Tokio foi determinante para o xurado á hora de realizar a selección de candidaturas.
Xunto a ela, foron recoñecidos/as tamén, nas diferentes categorías, os/as seguintes deportistas: Irene Vázquez (atletismo); Lidia Vellón e Nerea Penabad (baile deportivo); Hugo Piñón (balonmán); Brais González (bodyboard); Nicolasa Carrodeguas (caza); Francisco Gordillo e Laura Testa (fútbol); Iván Castro e Carolina Senra (fútbol sá); Mario Tenreiro e Amelia Tenreiro (judo); Raúl Gómez (kaiak polo); Hugo Dopico e Lucía Núñez (kickboxing); Mario Maneiros e Lucía Villarnovo (natación); Aldara Ferreira (patinaxe artístico); Carlos López e Sandra Dopico (pesca deportiva); Javier Paz (piragüismo); Marcos Domínguez (surf); Martín Beceiro e Celia Sanz (tenis de mesa); Hugo Priss e Sabela Caneiro (triatlón).
Mencións especiais: Alexandre Ferreira (arbitraxe); Yolanda Hermida (mellor traxectoria deportiva feminina -kaiak polo-); José Manuel García Bouzamayor (mellor traxectoria deportiva masculina -kaiak surf-); Equipo de pádel Cámping Valdoviño (mellor equipo); Aroa González (valor no deporte -fútbol-); Unay Ameneiros (mellor promesa masculina -bodyboard-); Familia Sabín Bouza -Juan, Carlos e Alberto- (exemplo e esforzo no deporte); Juan Sabín a título póstumo -adicación ao deporte-; Miguel Romero (superación no deporte -baloncesto-), e Adrián Orjales (logros deportivos -tiro con arco-).