A xogadora da selección española de balonmán Alicia Fernández, elixida a mellor deportista na Gala do Deporte de Valdoviño
Acompañado O Concello celebrou esta tarde- noite a cita, coa que quería recoñecer os méritos e a traxectoria dos deportistas locais no 2019
Alicia Fernández, xogadora do Rapid de Bucarest de Romanía, unha das mellores ligas do mundo de balonmán feminino, era proclamada a Mellor Deportista de Valdoviño na Gala do Deporte celebrada esta tarde-noite no salón de actos da Casa da Cultura. Unha cita presidida polo alcalde, Alberto González, coa que o Concello quería recoñecer os méritos e valores dos seus deportistas. Foi esta a segunda edición da Gala, conducida polo xornalista Raúl Salgado, e inicialmente ía celebrarse en marzo de 2020, pero o estado de alarma obrigou á súa cancelación. Aínda así, o Concello non renunciou a ela, de modo que os deportistas destacados en 2019 puidesen recibir a homenaxe dos seus veciños e veciñas. Alicia repetiu como Mellor Deportista do Ano por méritos propios: militante indiscutible da selección española, medalla de prata no Mundial de Xapón 2019, e unha das mellores xogadoras do panorama internacional, ademais de veciña comprometida con Valdoviño, como sinalaba o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra.
Precisamente a súa entrega ao deporte impediulle acudir persoalmente a Valdoviño para recoller o galardón, que agradecía a través da pantalla instalada no salón de actos.
No apartado de Mencións Especiais, Laura Testa Roca, xogadora do Deportivo da Coruña, foi coroada como a Mellor Promesa, recoñecendo así a súa convocatoria pola selección galega sub15 e a súa titularidade en todos os partidos do Campionato de España. Mención Especial á Traxectoria Deportiva foi para Margarita Pérez Fernández, xogadora da selección galega e española de fútbol sala e integrante do Valdetires durante 10 anos, conseguindo nel a Copa da Raíña e un subcampionato de Liga de División de Honra, e do Ourense FS, onde se proclamaría Campioa da Liga de División de Honra. A Mención a Toda unha Vida dedicada ao Deporte foi compartida por Eduardo Saavedra Cebreiro e Bea Seijas. O primeiro, internacional con España Sub21 e Sub23 e campión da Segunda División con Pescados Rubén Burela FS, co que xogaría na tempada 2018-2019 o ascenso a Primeira. Pola súa banda, Bea Seijas acumula 27 tempadas na Primeira División de Fútbol Sala feminino, 40 participacións internacionais coa selección española, 5 Ligas, 6 Copas da Raíña, a nominación como mellor xogadora de España en 2 ocasións e a condición de primeira goleadora da historia da selección española, entre outras distincións.
Outro campión, Unay Ameneiros Rey, recibiu a Mención á Proxección Deportiva. Entre as razóns: 1º clasificado coa selección galega de surf no Campionato de España, cuarto en individual Sub 14 e 3º no Campionato galego individual Sub 18.
A Mención ao Mellor Adestrador foi, neste caso, para Carlos Fernández Iglesias, Melo. Entre os seus logros, levar a batuta nos trunfos do seu equipo como campión da Copa galega alevín, campión da Liga galega infantil, campión da Copa galega infantil, campión da Copa Xunta infantil, campión da primeira fase do Campionato de España infantil e finalista nesta.
Juan Carlos Aneiros, presidente do Meirás Club de Fútbol, recibiu a Mención Especial á Xestión Deportiva. Un club, o seu, referente no fútbol modesto e fútbol de base de Valdoviño, fundado en 1973, e con numerosos xogadores que dan nome á entidade. Un home que destaca polo bo traballo, perseverancia, humildade e empeño.
A Mención Especial ao Mellor Club foi para Valdo Surf, un clube de recente creación -2017- que, en pouco tempo, alcanzou superar os 200 deportistas federados. Ademais, moitos deles conseguiron o Torneo de España por comunidades como integrantes do equipo galego.
Javier Freire López, con máis de 40 anos entregados á práctica deportiva e gañador de varias carreiras populares, recibiu a Mención Especial á Perseverancia no Deporte. Unha distinción que recoñece a súa traxectoria como campión galego militar de 10.000 metros no ano 84 no Campionato de España; os seus 25 maratóns nacionais rematados e outras participacións máis que destacadas.
A Mención Especial á Superación foi, polo súa banda, para Adrián Orjales, que se iniciaba no tiro con arco no CPI Atios e, dende aí, a súa proxección non fixo máis que medrar. Antes da pandemia, acadaba a puntuación para integrarse na selección española de arco adaptado, ademais de converterse en campión de España de Arco Adaptado 2019.
E a Mención Especial ao Mellor Equipo 2019 foi para a SDR Valdoviño recoñecendo así o seu extraordinario papel na tempada 2018-2019. Campión da 2º categoría rexional de fútbol modesto, lograba o ascenso á primeira categoría rexional do fútbol galego. Todo un referente na comarca de Ferrol polo fútbol despregado.
TODOS OS GAÑADORES E GAÑADORAS
Javier e Lara Rodríguez Vidal inauguraban o acto de entrega de premios ao recibir o galardón na categoría de Atletismo. A eles sumábase Matías Fernández Teijeiro (Baile deportivo), grazas a un extraordinario currículum con numerosos recoñecementos nas diferentes competicións celebradas en territorio nacional. Miguel Romero repetía galardón en Baloncesto co trunfo do seu equipo como campión de liga da 1º división en básket en cadeira de rodas, e a xovencísima xogadora Sofía Villar, convocada pola selección galega de baloncesto, recibía o premio na categoría feminina. En Balonmán, recoñecíanse os méritos de Hugo Piñón, xogador da segunda territorial galega masculina e un dos máximos goleadores da categoría, namentres que en Bodyboard o trofeo ía para a Bruno Martín, sucampión do mundo junior e campión de España xunto á selección galega. En categoría feminina, Ana Pena destacábase como gañadora ao terse proclamado vencedora no Campionato de España por seleccións.
En Caza, Roberto Dopico Dopico, con participacións máis que destacadas en campionatos provinciais, recibía o galardón en categoría masculina, namentres que en feminina o trofeo era para Nicolasa González Carrodeguas, militante da selección galega no Campionato de España de Caza San Huberto. En Fútbol, as distincións foron para Brais Fernández, campión de liga da 2º rexional coa SD Valdoviño, e para Lidia Díaz Dopico, “bronce” na liga feminina de fútbol. En Fútbol-sala, os trofeos foron para Iván Castro García, campión da liga galega co Parrulo, e Carolina Senra, integrante do Ourense Envialia de Primeira División que, na tempada 2019-2020, disputou o playoff polo título, ademais de entrar na lista previa da selección española Sub 17 para a disputa dos Xogos Olímpicos da Xuventude.
En Karate, Ariadna Rocha, 3º no Campionato de España Senior en Kata Equipos, recibía o galardón, namentres que Andrea Penín Fojo, subcampioa alevín no Campionato Karting Series, era premiada en Karting. En Kaiak Polo, Adrián Méndez García, subcampión de España en 2019 na categoría sub 21 recibía o distintivo como mellor deportista, namentres que Inés Mancilla Lamas, con participacións destacadas na competición, era recoñecida na categoría feminina. A xovencísima promesa Hugo Dopico Pita, subcampión galego en 2019 en diferentes modalidades, recibía o recoñecemento como mellor deportista en Kick Boxing, galardón que recibía Lucía Núñez Alvariño, tamén subcampioa galega en 2019, en categoría feminina.
O campión galego Mario Maneiros Paz era recoñecido como mellor deportista en Natación, e Almudena Rodríguez, xove promesa da comarca, como a mellor patinadora artística. En Pesca, Miguel Fernández Rey, campión galego e membro da selección galega, recibía o premio en categoría masculina, e Sandra Dopico Codesido, 4º clasificada no campionato autonómico, en categoría feminina.
Eugenio Pita, campión absoluto no autocros de Carballo, era o mellor en Automovilismo, e Marcos Peña, coas súas cuartas posicións no Campionato de España de remo ergonómico e coa selección galega, facíase co trofeo en Remo.Na categoría feminina, Cristina Rodríguez López delegaba na súa nai a recepción do premio, que recoñece actuacións destacadas como os primeiros postos acadados no campionato galego de yolas ou de remo olímpico na modalidade de 2JF.
Adrián Rodríguez Caruncho, subcampión galego sub 12, e Candela Vilariño, bronce no campionato galego, recibían o premio na categoría de Surf, namentres que Claudio Sanz e Celia Sanz, con participacións destacadas en competición autonómica, eran os premiados en Tenis de Mesa. En Tenis, o trofeo foi para Iván Pita, cuarto finalista no campionato galego cadete, e en Tiro con Arco, Mateo Santiago Piñeiro, con participacións destacadas en competicións autonómicas, facíase co galardón na categoría masculina, e Kiara Enríquez Rodríguez, cun primeiro posto na Liga Galega en Sala, en feminina.
Hugo Prida Lobelos, con participacións destacadas na 2º división de duatlón, e Sabela Caneiro Hermida, cun 4º posto no Campionato de España de Triatlón infantil por relevos, eran premiados como os mellores triatletas. E Candela Pérez, clasificada co Club Esquío para as finais no Campionato de España, recibía o premio na categoría de Ximnasia rítmica.