A VIII Volta ás Forcadas bate récord de participación con 280 atletas inscritos
A cita celebrarase este domingo, con saída e meta no campo de fútbol Juan Sabín e un percorrido de 9 km na categoría absoluta
Valdoviño, 12 de xuño do 2025. Un total de 280 atletas daranse cita este domingo 15 de xuño en Vilaboa para tomar parte na VIII Volta ás Forcadas. A carreira volve bater récord de participación, especialmente na categoría absoluta, con 192 persoas inscritas, e consolídase no calendario deportivo comarcal. Está organizada pola Concellería de Deportes, co apoio da Deputación da Coruña e da Federación Galega de Atletismo, e ao igual que o pasado ano, inclúese no circuíto provincial de carreiras populares.
A Volta ás Forcadas está aberta a todas as categorías, con diferentes distancias segundo as idades. Dende os 100 metros dos biberóns ata os 9 km da absoluta. Saída e meta estarán situadas nas inmediacións do campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro, e o percorrido transcorrerá entre as parroquias de Loira e Vilaboa, coas paisaxes do encoro como compañeiras.
A recollida de dorsais poderá realizarse dende as 10:00 horas, e ata 45 minutos antes da saída de cada categoría. As categorías base arrincarán de forma escalonada a partir das 11:00 horas, e as sénior, a partir das 12:00 horas.
Un ano máis, o Concello quere agradecer a colaboración da Cooperativa de Vilaboa na cita, así como o apoio de Policía Local e Protección Civil no operativo. O regulamento pode consultarse na web www.carreirasgalegas.com.
