A VII edición da Volta ás Forcadas reunirá o domingo na contorna do encoro a 260 corredores de todas as idades
O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, destaca a alta participación deste ano, practicamente triplicando a da edición anterior
Valdoviño, 12 de xuño de 2024. Un total de 260 corredores de todas as idades tomarán parte este domingo na VII edición da Volta ás Forcadas. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, destacaba esta mañá a boa acollida da carreira organizada polo Concello co apoio da Federación Galega de Atletismo, e incluída este ano no circuito da Deputación da Coruña. De feito, as cifras confirmadas de inscritos/as practicamente triplican as rexistradas na edición anterior, na que participaban preto dun centenar de atletas.
A recollida de dorsais iniciarase ás 10:00 horas nas inmediacións do campo de fútbol Juan Sabín- O Lameiro, en Vilaboa, e realizarase, como as carreiras, de forma escalonada, ata 45 minutos antes de cada saída. As distancias oscilan segundo categoría e idade, dende os 100 metros dos biberóns ata o recorrido de 9,2 km da absoluta, pero en todos os casos, os participantes poderán desfrutar dunha contorna única, o encoro das Forcadas, practicando deporte.
O Concello quere agradecer a colaboración da Cooperativa de Vilaboa na cita, así como o apoio de Policía Local e Protección Civil no operativo, e o concelleiro de Deportes anima á veciñanza a achegarse ata a cita, animar aos participantes e desfrutar da contorna.