A veciñanza deposita cada semana unha media 350-400 kgs de residuos no contedor marrón

A cidadanía pode solicitar na primeira planta da casa consistorial a chave que permite o seu uso

Valdoviño, 23 de abril do 2025. Veciños e veciñas desfanse de media cada semana duns 350-400 kgs de residuos orgánicos nos contedores marrón instalados polo Concello de Valdoviño. Son os resultados de balance do servizo no seu primeiro trimestre de funcionamento. O Concello iniciaba a súa instalación a mediados de xaneiro, nas inmediacións de supermercados e negocios de hostalería, principais xeradores deste tipo de residuos. En paralelo, animaba á cidadanía a solicitar a chave que permite o seu uso contribuíndo así a incrementar as tasas de reciclaxe no municipio. Nesta liña, a Concellería de Servizos lembra que o prazo para facerse con ela continúa aberto, e pode recollerse na primeira planta da casa consistorial, tras cubrir un breve formulario.

A implantación destes colectores incluíuse no novo contrato de recollida de residuos asinado con FCC e, paulatinamente, iránse aumentando os puntos de depósito. Neles, a veciñanza pode desfacerse dos restos de froita e verdura, carne e peixe, froitos secos, pan, café, infusións, cunchas de marisco, cáscaras de ovo… iso si, en bolsas pechadas para manter a hixiene da infraestrutura

Coa implantación do contedor marrón actívase a economía circular, convertindo o residuo en compost e favorecendo o seu retorno ao ciclo da vida. Trátase dun compost natural de calidade para usar na horta que permite reducir o uso de fertilizantes químicos e pesticidas, e diminuír a contaminación do solo, dos leitos e dos acuíferos, ademais de favorecer a redución das emisións de CO2 e outros gases contaminantes.