A veciñanza abonará unha estimación do consumo no caso de fuga por rotura da rede de abastecemento de auga
Trátase dunha das medidas contempladas na modificación do regulamento do servizo municipal, aprobada definitivamente
Valdoviño, 1 de abril de 2022. O Concello de Valdoviño vén de aprobar definitivamente a modificación do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga e redes de sumidoiros. O novo texto, que pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia do 24 de marzo (https://cutt.ly/WDlze74), contempla importantes cambios. Entre eles, e en caso de fuga por rotura da rede de abastecemento, veciños e veciñas abonarán a estimación do consumo calculado sobre a factura anterior en lugar do total da auga perdida.
Deste xeito, equipárase o abono das posibles fugas a aqueles casos nos que se produce un erro ou avaría nos contadores. Un cálculo moito máis xusto para a veciñanza.
Así mesmo, outra das modificacións aprobadas contempla a posibilidade de formalizar servidumes para permitir o acceso ao servizo de abastecemento de auga e saneamento. Servidumes de paso que deben contar co consenso dos propietarios das fincas ou terreos afectados.
Por último, o novo regulamento permite aos particulares executar obras de extensión da rede de abastecemento e saneamento en unión con outros veciños e naquelas zonas nas que non exista unha previsión a medio-curto prazo de realizar obras municipais. Unha fórmula que se ten empregado no pasado e que foi suprimida na última modificación realizada hai uns anos.