A unidade móbil de doazón de sangue visitará Valdoviño o martes 31 coa campaña “Non perdas este bus. Lévate ao Son do Camiño”
Permanecerá diante da casa consistorial de 10 a 14 h e de 16 a 21 h
Valdoviño, 27 de marzo do 2026.A unidade móbil de doazón de sangue visitará Valdoviño o próximo martes 31 de marzo, e permanecerá diante da casa consistorial de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 21:00 horas. Desta volta, o xesto solidario co que podemos contribuír a salvar vidas tamén poderá levar á cidadanía ao festival O Son do Camiño.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue mantén activa a campaña en redes “Non perdas este bus. Lévate ao Son do Camiño”. Así, todas as persoas que doen sangue ata o 31 de maio, e que remitan por mensaxe privada ao Instagram de ADOS unha foto doando sangue ou un vídeo convidando a participar nas campañas de doazón, entrarán no sorteo de 14 abonos para asistir ao festival, que terá lugar en Santiago de Compostela os vindeiros 18, 19 e 20 de xuño. Outro requisito necesario para entrar neste sorteo é seguir a conta de ADOS en IG e comentar a publicación desta iniciativa mencionando a dúas persoas.
Con esta campaña, a Axencia quere convidar especialmente aos máis novos e novas a converterse en embaixadores do solidario xesto da doazón e que animen ao seu entorno familiar e de amizades a participar e doar sangue.
