A Torre do Lago, Hotel Valdoviño e Camping Valdoviño súmanse ao bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia

A veciñanza pode solicitala dende hoxe

A veciñanza pode solicitar dende hoxe o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia para empregar nas ofertas e paquetes publicados polos establecementos adheridos nesta segunda convocatoria do programa autonómico que, no caso de Valdoviño, e a día de hoxe, son A Torre do Lago, Hotel Valdoviño e Camping Valdoviño.

Poderán presentar a súa solicitude tódalas persoas maiores de idade empadroadas nun concello da comunidade e que non resultaran beneficiarias da primeira edición. Deberán escoller entre tres importes da tarxeta prepago -250, 375 ou 500 euros- da que a Xunta financiará o 60% cunha achega máxima de 300 euros e o solicitante o 40% restante.

Unha vez enviada a solicitude a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), atenderanse por orde de entrada, e se se cumpren os requisitos esixidos notificarase aos beneficiarios que realicen o ingreso da parte que lle corresponda do importe da tarxeta elixida para que a entidade bancaria colaboradora poida remitirlle ao seu domicilio a tarxeta coa contía total. O programa estará vixente ata o 15 de decembro deste ano, data tamén de caducidade das tarxetas para empregar en calquera dos servizos ou produtos ofertados dispoñibles na web https://turismo.gal/quedamosengalicia2.