A selección xaponesa de fútbol-sala adéstrase na praia da Frouxeira
Xogadores e staff técnico, capitaneado polo seleccionador, o ferrolán Bruno García, foron recibidos polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra
A selección de Xapón de fútbol-sala desprazouse esta mañá a Valdoviño para realizar un adestramento rexenerativo na praia da Frouxeira. Unha presenza que espertaba o interese e curiosidade de veciños e visitantes no areal, moi concorrido polo bo tempo que estamos a desfrutar. A visita incluíuse na xira polo continente europeo que está a realizar o equipo xaponés na fase de preparación de cara ao Mundial de Lituania, que arrancará a finais do mes de setembro.
Con estación base en Narón, xogadores e staff técnico desprazábanse esta mañá ao noso municipio, onde eran recibidos polo alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra. Na casa da cultura intercambiaban agasallos institucionais, incluída unha camiseta da selección nipona co número 10 e o nome de Valdoviño. O seleccionador, Bruno García, moi vencellado a Valdoviño, facía entrega da mesma, e destacaba a aposta do Concello polo deporte base. Pola súa banda, alcalde e edil agradecían a visita e animaban a xogadores e staff a repetila dende o punto de vista turístico.
De seguido, a técnica do Océano Surf Museo, Carolina Lorenzo, guiaba á delegación nunha breve visita ás instalacións, únicas en España adicadas ao surf. Era a antesala do adestramento na Frouxeira, seguido por numerosos afeccionados ao fútbol-sala, que concluía a última hora da mañá cun chapuzón nas augas do Atlántico.