A rondalla feminina Só Elas abrirá este domingo a programación cultural do mes de marzo en Valdoviño

Actuarán no auditorio da Casa da Cultura a partir das 18 horas

Valdoviño, 28 de febreiro de 2022. O Concello de Valdoviño inaugurará este domingo 6 de marzo a programación cultural do mes coa actuación da rondalla Só Elas. A cita terá lugar no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 18 horas, e a entrada é libre ata completar aforo. 

Só Elas é unha rondalla de mulleres que gusta da tradición, pero coa visión do século XXI. Está integrada por máis de 40 voces femininas de todas as idades e, con elas, abrimos un mes no que os actos con motivo do Día da Muller cobrarán todo o protagonismo na axenda municipal.