A Red de Pueblos del Surf proxecta os seus recursos a través de Fitur
A Mancomunidade, con Ferrol e Valdoviño, o concello de Carballo, e as localidades de Castrillón (Asturias), Ribamontán Al Mar (Cantabria) e Getxo (Euskadi) dan a coñecer na feira as novas accións de promoción
Valdoviño, 22 de xaneiro do 2026. A Red de Pueblos del Surf apostaba este ano por Fitur para promocionar a marca na que se integran a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, con Ferrol e Valdoviño á cabeza; o concello de Carballo; a localidade asturiana de Castrillón; a cántabra de Ribamontán al Mar e a vasca de Getxo. Un proxecto turístico conxunto co que reforzar o posicionamento do surf no Norte de España; contribuír á desestacionalización do turismo vencellado á súa práctica, e incorporar de forma efectiva a oferta cultural ou gastronómica dos diferentes territorios á axenda dos surfistas que visitan o destino.
Deste xeito, a Feira Internacional de Turismo convertíase nun excelente escaparate para avanzar neses obxectivos, e esta tarde, o stand de Euskadi acollía a presentación das últimas accións de promoción do proxecto. O acto contou coa participación da subdirectora de Desarrollo y Sostenibilidad Turística de la Secretaría de Estado de Turismo, Ilona Shekyants Kazaryan, e coas intervencións de Ignacio Uriarte, concelleiro de Turismo de Getxo; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, nesta ocasión en calidade de edil de Turismo de Carballo; María Antonia Manzano, concelleira de Ribamontán al Mar, e do alcalde de Valdoviño, Alberto González, que tomou a palabra en representación da Mancomunidade.
O rexedor introducía tamén un dos dous vídeos promocionais que se presentaban esta tarde, centrado no surf adaptado, un terreo no que leva traballando tempo a Red de Pueblos del Surf, e que agora gaña visibilidade a través desta peza, que se difundirá en redes e servirá de embaixador do destino. Alberto González tamén facía memoria, e lembraba que a convocatoria “Experiencias España” da Secretaría de Estado de Turismo, e financiada con Fondos Next Generation, permitía dar forma a unha relación de colaboración xestada entre os concellos da rede moitos anos atrás. A financiación europea, canalizada a través do Estado, “brindou a oportunidade de dar ese salto cualitativo necesario, e materializar esa rede a través dunha imaxe única e unha oferta conxunta coa que atraer a turistas responsables, respectuosos e que xeneren ingresos nas nosas comercas”.
Así, o alcalde facía balance, e explicaba que ao longo deste tempo, tense creado un protocolo e unha carta de adhesión, a través dos cales non só se establecen os compromisos dos integrandes da rede, senón tamén a forma de incorporar novos membros, coa firme convicción de apostar por unha iniciativa aberta a outros destinos que compartan características e valores.
A Mancomunidade asumía tamén o labor de coordinación técnico-administrativa, un traballo clave dada a complexidade da xestión dos fondos Next Generation, e lanzaba unha web propia: reddepueblosdelsurf.com. A partir da imaxe de marca creada de forma participativa baixo a dirección do concello de Getxo, configurouse unha web atractiva e práctica para o turista, cuxo contido se basea nun catálogo de infraestruturas, servizos e recursos patrimoniais elaborado en cada entidade participante expresamente para este proxecto. Un traballo que, co apoio de “Experiencias España”, non fixo máis que comezar.
