A recuperación e posta en valor das baterías de costa de Ares, Ferrol e Valdoviño recibirá 2 millóns de euros do Goberno central

Sumaranse así ao millón de euros consignado pola Deputación provincial
Valdoviño, 10 de maio do 2023. A recuperación e posta en valor das baterías de defensa da costa de Ares, Ferrol e Valdoviño e a súa dinamización como destino turístico recibirá unha inxección económica de 3 millóns de euros. O Goberno central, a través da Conferencia Sectorial de Turismo, aprobaba onte, entre outros, o Proxecto de Sustentabilidade Turística co que concorrían os tres concellos da man da Deputación. Proxecto que recibirá 2 millóns de euros con cargo aos fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e que se suman así ao millón de euros consignado xa pola Deputación.
O obxectivo último é a posta en valor do patrimonio histórico, cultural, costeiro e militar das baterías, xerando oportunidades económicas vencelladas ao turismo sustentable. Unha excelente noticia para a recuperación dun espazo privilexiado na franxa litoral de Meirás que tantas xeracións gardan na memoria tralo seu paso con motivo do servizo militar.
Con cargo a estes fondos, na batería de Campelo levaranse a cabo, entre outros proxectos, a creación de aparcadoiros disuasorios na contorna, así como a adecuación do firme de acceso á batería con zona de peóns e ciclistas, sinalización de camiños ciclables ou instalación de alumeado eficiente. Ademais, mellorarase a divulgación do patrimonio a través da creación dun portal web e un mapa virtual de recursos turísticos.