A proposta de ordenanza reguladora de terrazas, a consulta na web municipal

O alcalde, Alberto González, avanza a celebración dunha reunión informativa co sector hostaleiro para este luns ás 20 h na Casa da Cultura

Dende hoxe, a cidadanía, e especialmente o sector da hostalería, pode consultar na web municipal a proposta de ordenanza reguladora da instalación de terrazas no municipio. O alcalde, Alberto González, explicaba esta mañá que deste xeito o Concello abre un periodo de presentación de suxestións e aportacións a través da mesma plataforma web para incorporar ao borrador da norma como paso previo ao seu debate e aprobación en pleno.

Así mesmo, e en paralelo, convocouse unha reunión de traballo co sector para este luns, 10 de maio, ás 20 horas na Casa da Cultura. O obxectivo, engadiu o alcalde, é explicar aos propietarios dos establecementos hostaleiros as liñas mestras do documento, e coñecer a súa visión sobre o mesmo, logrando así un texto que conte coa participación e implicación de todos. 

A ordenanza virá a cubrir un baleiro na normativa municipal, regulando o réxime xurídico ao que debe someterse a instalación de terrazas en terreos de uso público, e dará maior seguridade xurídica a estas. Quedan excluídas do ámbito da norma as infraestruturas situadas en espazos de titularidade e uso privados, que en todo caso rexeranse pola normativa que lles résulte de aplicación. 

A norma detalla o proceso de concesión de licenza, requisitos a cumprir, dereitos e obrigas, ou actividades incluídas, entre outros aspectos. 

Enlace ao documento: https://cutt.ly/SbTepAV