A primeira Casa do Maior de Valdoviño abre as súas portas

É un centro de día de 5 prazas para maiores de 60 anos dependentes residentes co que favorecer a súa permanencia no entorno familiar e apoiar ás persoas coidadoras ofrecéndolles un respiro familiar

Valdoviño, 26 de xaneiro de 2022. A primeira Casa do Maior de Valdoviño abre as súas portas baixo o nome Anduriña. Unhas instalacións diáfanas e luminosas nas que se coidou ata o mínimo detalle para que os futuros usuarios e usuarias se sintan como na casa. Accesibles, confortables e cunha zona exterior axardinada ampla para a realización de actividades como plantación de horto ou ximnasia cando o tempo acompañe. A Casa do Maior está no lugar de Rioboo, en Meirás, e é iniciativa de Sonia Fernández, que se estrea como emprendedora tras unha longa experiencia no ámbito sociosanitario. 

Trátase dun centro de día de 5 prazas no que teñen preferencia a persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia recoñecida en grao I e II e residentes en Valdoviño, pero está aberto a todas as persoas dependentes que inicien os trámites a través dos Servizos Sociais municipais. Con este recurso, incluído na rede autonómica, búscase garantir a permanencia dos maiores no seu entorno, apoiar ás familias coidadoras e ofrecerlles un respiro familiar. 

O recurso é compatible co Servizo de Axuda no Fogar, e a Xunta é a encargada da concesión da praza. En todo caso, as persoas que queiran acceder a este recurso público deberán seguir o procedemento de recoñecemento de dependencia e indicar o mesmo como expectativa, trámites que se realizan a través dos Servizos Sociais municipais. 

O recurso estará financiado pola Xunta, agás o servizo de comedor, de carácter opcional, e ofrécese atención de luns a venres en horario de 8,30 a 16,30 h, aínda que Sonia subliña que se adaptará ás necesidades das familias nesa franxa. O teléfono de contacto do centro é o 881 09 66 74.