A praia de Pantín volve converterse no escenario privilexiado do Festival de Danza Sobre Táboas
Celebrarase este venres ás 21 h coa participación do Corpo Liminal, Hemellyn, o grupo de danza da Asociación Donaire e Asiel Pantín Carmona
Valdoviño, 27 de xullo do 2026. A praia de Pantín volverá converterse esta semana no escenario privilexiado do Festival de Danza Sobre Táboas. Este ano alcanza a súa cuarta edición, e contará coa participación destacada de Corpo Liminal; a televisiva Hemellyn; a tradición do Grupo de Danza da Asociación Cultural Donaire, e a frescura do artista local Asiel Pantín Carmona. A cita, nas inmediacións da caseta de socorrismo de Pantín, celebrarase este venres 31 de agosto, a partir das 21:00 horas.
Corpo Liminal, integrado por Ana Erdozain e Alba González, traerá a Pantín “SOLASTALGIA”, un proxecto artístico que reflexiona, dende o corpo e a danza contemporánea, sobre o estrés mental e existencial provocado polo deterioro medioambiental. O traballo amosa a dous seres estranos baseados en animais acuáticos e con referencias claras a elementos da indumentaria de traballo, necesaria para determinadas catástrofes medio ambientais. Propón unha viaxe cara un novo lugar, na que estes seres, obrigados a saír do seu hábitat e motivados polo éxito e ansia de mellora, irán cuestionándose cal é o éxito real e se aínda lles queda tempo, antes de perderse ou desaparecer por completo.
O festival recibirá tamén a Hemellyn, artista moi coñecida tras o seu paso polo programa “Bailamos” da TVG, onde resultou finalista. Traerá a Valdoviño a súa coreografía “La Marea”. Xunto a ela, o público poderá seguir a actuación do grupo de danza da Asociación Cultural Donaire, entidade que nace na Coruña hai 26 anos co firme propósito de recuperar, promover e difundir o folclore galego. Acudirán a Pantín cunha actuación na que amosarán a beleza, riqueza e variedade da música e danza popular galega. E como é tradición, o festival apostará tamén polo local, coa actuación do mozo valdoviñés Asiel Pantín Carmona que, de seguro, sorprenderá coa súa proposta artística.
