A praia da Frouxeira será escenario da primeira edición do Campus de Footvolley
Club de Fútbol Sala Valdoviño e Concellería de Deportes coorganizan a iniciativa, que se desenvolverá do 3 ao 7 de agosto
Valdoviño, 24 de xullo do 2026. O Club Fútbol Sala Valdoviño inicia a súa actividade, e xunto á Concellería de Deportes, organiza o I Campus de Footvolley. O concelleiro de área, Sergio Saavedra, e o presidente do club local, Adrián Montero, presentaban a iniciativa dende a praia da Frouxeira, que se convertirá en escenario da acción do 3 ao 7 de agosto. Está dirixida a nenos e nenas dende 8 anos ata mozos e mozas de 16, que poderán iniciarse neste deporte híbrido de fútbol e vóley praia.
O campus desenvolverase de 10:00 a 13:00 horas, e incluirá tamén unha merenda. O obxectivo, segundo Adrián Montero, é crear afición: “queremos que coñezan este deporte, e sobre todo, que o desfruten”.
A inscrición está aberta, ata o 31 de xullo, e pode formalizarse chamando ao teléfono 630 427 526 ou a través do código QR habilitado no cartel da iniciativa. O custe por persoa é de 40 euros.
