A piscina municipal “despídese” este mércores ata o vindeiro verán cunha sesión de baño en familia
A instalación municipal foi escenario clave na oferta deportiva municipal dos últimos meses
Valdoviño, 30 de agosto do 2022.A piscina de Lago finaliza mañá mércores, 31 de agosto, a tempada estival. A instalación municipal pecha as súas portas ata o próximo verán, e faino organizando, a modo de despedida, unha xornada de baño en familia, pensada para que nais e pais compartan cos seus fillos/as pequenos un tempo de xogo e diversión na auga.
Apuntan dende o departamento de Deportes que se trata dunha proposta especial terá lugar nesta última xornada de piscina, en horario matinal, concretamente entre as 12 e as 13.30 horas e, como é habitual, pola tarde, entre as 16 e as 20 horas, manterase o tempo reservado para baño libre.
A instalación deportiva, que retomaba a súa actividade o pasado 1 de xullo, foi escenario durante o verán peza clave da oferta deportiva municipal. O equipamento contou cunha ampla oferta de actividades acuáticas no marco do programa Ociosol, que incluíu cursiños de natación para todos os niveis -iniciación, intermedio e perfeccionamento-, así como clases específicas para bebés e para persoas adultas, aquagym e nado libre, con máis de 160 alumnos e alumnas.