A piscina municipal de Lago reabre este luns

O alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, supervisaron os traballos de posta a punto das instalacións

Valdoviño, 28 de xuño de 2024. O alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, supervisaban esta semana os últimos traballos de posta a punto da piscina municipal de Lago, que abrirá as súas portas o vindeiro luns, 1 de xullo. Nesa mesma xornada arrancarán tamén os cursos e actividades acuáticas de OcioSol 2024, en horario de mañá. E xa polas tardes, o Concello reserva as instalacións para o baño libre. Será de luns a venres de 16:00 a 20:00 horas, e sábados, domingos e festivos de 12:00 a 20:00 horas.

Os prezos mantéñense invariables. Así, a entrada ten un custe de 2,5 euros para persoas adultas e 1,5 euros para menores, coa posibilidade de expedir o bono familiar, cun custe de 20 euros para 15 baños (un baño dá acceso a todas as persoas integrantes da unidade familiar -pais/nais e fillos/as-). As persoas interesadas neles deben tramitalos na oficina da piscina e achegar o Libro de Familia.