A Panadaría regresa a Valdoviño coa súa última montaxe, “As que limpan”, unha coprodución co Centro Dramático Nacional

O espectáculo, incluído na programación cultural do Concello, terá lugar este venres ás 20:30 horas co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña

Valdoviño, 13 de marzo do 2023. A Panadaría representará en Valdoviño a súa última montaxe, «As que limpan». A función chega ao noso municipio da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña, e está programada para este venres 17 de marzo ás 20:30 horas. As entradas son gratuítas e poden retirarse dende hoxe na Casa da Cultura (de 10 a 14 h). Reservarase unha parte dos convites para o seu reparto dende unha hora antes do inicio da obra.

Escrita, dirixida e interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, As que limpan» é unha creación de A Panadaría coproducida co Centro Dramático Nacional. A obra fala das camareiras de piso dos hoteis, mulleres invisibilizadas que carretan ao lombo un sistema turístico que precariza o seu traballo e da súa loita por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras.

SOBRE A COMPAÑÍA

A Panadaría está integrada por Areta, Noelia e Ailén. Fundan a compañía no ano 2013 co espectáculo «PAN!PAN!» co que gañan o Premio da Crítica Galicia 2015, ademais dun Premio María Casares de interpretación para Areta Bolado e o Premio Xuventude Crea. Coa súa segunda montaxe, Panamericana, confírmase a liña de traballo da compañía: o artesanal vencellado a corpo e voz das actrices, a teatralidade evidenciada que pon o acento no lúdico, a música vocal e unha ollada feminista e irreverente.

Un éxito que continuou coa súa segunda obra, «Elisa e Marcela». Un espectáculo sobre a historia real do primeiro matrimonio lésbico, que tamén puido verse en Valdoviño, e que recibiu grandes eloxios da crítica e 9 premios, incluíndo o Premio a Mellor Espectáculo María Casares 2018, premios ás actrices, ao texto, á dirección, premios do público, premios de igualdade e LGTBIQ+.

A Panadaría amasa un teatro de creación propia, e por iso o seu nome, xa que é o seu un oficio de tradición, de esforzo e constancia, de relación da persoa cos elementos máis básicos, co que veu antes e co que está por chegar. Porque en todo o mundo a humanidade fai pan e fai teatro, chámanse A Panadaría, para alimentar corpo e alma.