A oncóloga Rocío Vilchez Simo impartirá na Casa da Cultura de Valdoviño a charla “Que podo facer eu fronte ao cancro de mama?

Celebrarase o día 19, Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama

 Valdoviño, 13 de outubro de 2023. Rocío Vilchez Simo, directora de Procesos de Soporte no Servizo Galego de Saúde, ofrecerá a vindeira semana unha charla en Valdoviño baixo o título «Que podo facer eu fronte ao cancro de mama?». Celebrarase o xoves 19 de outubro, Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, a partir das 19:00 horas na Casa da Cultura. A oncóloga visitará o municipio convidada polo Concello de Valdoviño e a Asociación Española contra o Cancro, e a entrada á ponencia é libre. 

Vilchez Simo centrará a súa intervención na importancia da prevención e da auto exploración, ofrecendo as claves para realizar este exame que pode resultar clave para unha detección precoz. Tamén abordará o funcionamento dos cribados do Sergas, e pautas para sobre levar a enfermidade tralo diagnóstico. O cancro de mama é, a día de hoxe, o tumor máis frecuente entre as mulleres, aínda que tamén afecta a homes.