A Oficina de Turismo reabre as súas portas
A partir de hoxe, dúas técnicas atenderán ao público na Porta do Sol de martes a domingo en horario ininterrrompido de 11:00 h a 18:00 h
Valdoviño, 17 de xullo do 2024. Tras un longo proceso administrativo para a contratación de persoal, o Concello de Valdoviño reabría esta mañá as portas da oficina municipal de turismo. As instalacións, situadas na Porta do Sol, serán atendidas por dúas informadoras dende hoxe e ata mediados de novembro, todos os días da semana -agás os luns-, de 11:00 a 18:00 horas, de forma ininterrompida.
No mes de xuño, o Concello convocaba o proceso selectivo para a contratación de dúas persoas técnicas de turismo, pero ningún dos candidatos que concorreron superaron a proba, o que obrigaba á Administración local a recurrir á contratación a través dunha empresa do sector turístico. Unha situación que retrasou así a apertura do punto de información.
O Concello de Valdoviño conta co apoio da Deputación da Coruña para o financiamento dos gastos derivados da contratación de persoal.