A Oficina de Turismo reabre as súas portas
A partir de hoxe, atenderá ao público de martes a domingo de 12 a 17 h
Valdoviño, 2 de xuño do 2026. O Concello de Valdoviño reabría esta mañá as portas da Oficina Municipal de Turismo, situada na Porta do Sol. O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Turismo, Rosana García, visitaban as instalacións para dar a benvida á informadora turística que estará á fronte do servizo durante os próximos catro meses.
A posta en marcha desta campaña conta cun importante impulso económico por parte da Deputación da Coruña. A institución provincial financia con 13.770,82 euros os gastos de contratación de persoal, a través dunha liña de subvencións á que concorreu o municipio. O rexedor local destacou a importancia deste apoio institucional para garantir unha atención de calidade nun concello con grande interese turístico.
O servizo permanecerá aberto de martes a domingo de 12:00 a 17:00 horas. Con esta reapertura, Valdoviño reforza a súa estratexia de recepción de viaxeiros e ofrece un punto de información clave para dinamizar o sector hostaleiro e comercial local durante a tempada estival e os primeiros meses do outono.
