A oferta OcioSol 2023 do Concello na piscina municipal de Lago contempla cursos de natación, aquagym e nado libre
A Concellería de Deportes avanza a apertura das inscricións entre o 15 e o 25 de xuño no rexistro municipal e a través da web municipal
Valdoviño, 9 de xuño do 2023. O Concello de Valdoviño avanzou esta mañá a programación de actividades que levará a cabo este ano na piscina municipal de Lago no marco de OcioSol. Unha programación que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, ideada para todas as franxas de idade. Así, haberá cursos de iniciación á natación, de nivel intermedio e tamén perfeccionamento; natación para bebés, aquagym e baño libre. As clases e sesións terán lugar polas mañás, xa que as tardes se reservan para o uso e desfrute das instalacións por parte de veciños e visitantes.
O prazo de inscrición abrirase o xoves 15, ata o día 25 -incluído-, e deberá formalizarse no rexistro municipal da casa consistorial ou a través da web municipal, nun formulario que se habilitará o mesmo xoves 15.
Os prezos oscilan dende os 7,37 euros ata os 8,86 euros ao mes.
En caso de que a demanda exceda a oferta de prazas, as persoas empadroadas no municipio terán prioridade na concesión.