A numeración de Valdoviño, a exposición pública

O Boletín Oficial da Provincial publicou onte o documento aprobado inicialmente polo pleno do Concello

A veciñanza de Valdoviño pode consultar a través da web municipal cal será o número da súa vivenda unha vez se aprobe definitivamente a nova numeración do municipio. É así a través do enlace https://www.concellodevaldovino.com/arquivo/sites/all/themes/valbartik/doc/GAL_PRINCIPAL_EIB.pdf Nesta liña, o Boletín Oficial da Provincia publicaba onte o anuncio coa aprobación inicial do documento, abríndose así a partir de hoxe un plazo de 20 días para a presentación de alegacións, suxestións ou reclamacións. 

No citado documento, inclúese unha memoria explicativa e unha serie de planos segundo cada unha das oito parroquias de Valdoviño onde se especifica por lugares a numeración de cada parcela. En vermello, aquelas con vivenda e, en verde, aquelas con previsión de futuro inmoble. 

A principios de mes o pleno do Concello daba luz verde á aprobación inicial da numeración de todo o termo municipal, iniciando así un proceso que, tras o paso dado hoxe, continuará coa remisión da proposta ao Instituto Nacional de Estatística para a súa tramitación definitiva. 

Con esta medida, preténdese dar unha solución definitiva aos problemas de identificación dos inmobles como consecuencia dos diversos cambios na numeración e ausencia da mesma en moitas edificacións. A numeración municipal permitirá así solventar problemáticas á hora do reparto do correo, paquetería e da xestión municipal en xeral. Para iso, un dos obxectivos principais é poder levar a cabo unha identificación inequívoca de todas as edificacións numerables existentes (vivendas, terciarios, bens patrimoniais, edificios industriais, etc.) así como solos susceptibles de ser edificados nun futuro en base ás normativas existentes e aos instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no Concello.

 

.