A nova senda peonil e ciclista na AC-116 permite que os veciños dispoñan dun itinerario continuo de 5,5 quilómetros ao longo desta estrada

Habilitáronse 2,8 km de sendas na marxe dereita desta estrada, entre Riobó e Meirás, que supuxo un investimento superior aos 800.000 euros

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, xunto co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, comprobou o resultado final tras rematar o itinerario peonil e ciclista na estrada que comunica Valdoviño e Ferrol, a AC-116, no treito comprendido entre Riobó e Meirás, no que a Xunta investiu máis de 800.000 euros, polo que nestes momentos os veciños dispoñen dun itinerario continuo de 5,5 km ao seu paso por este municipio.

Con esta actuación habilitáronse 2,8 km de sendas, partindo do límite municipal co concello de Narón e desde a travesía de Meirás ata Lago. Unha actuación  que fai máis doados, cómodos e seguros os desprazamentos cotiás, a pé ou en bici, da xente”.

Esta nova senda completa un itinerario peonil continuo ao longo da AC-116, en Valdoviño, xa que tendo en conta as beirarrúas existentes, quedou conectado o paseo da lagoa da Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Este novo itinerario que se rematou en Valdoviño forma parte do Plan de Sendas para a comarca de Ferrol, que prevé a execución de 10,7 km de itinerarios para peóns e ciclistas cun investimento de 3,5 millóns de euros. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.