A mostra interactiva ‘Experiencia Europa’ de Europe Direct A Coruña chega a Valdoviño

As persoas visitantes poderán explorar contidos informativos, xogos, vídeos, visitas virtuais e experiencias inmersivas que afondarán no coñecemento da Unión Europea e a súa influencia no día a día

Valdoviño, 22 de xaneiro de 2024. O Concello de Valdoviño acolle «Experiencia Europa», unha exposición interactiva e itinerante que achegará o funcionamento da Unión Europea e a súa influencia no día a día a través dunha experiencia dixital. A exposición inaugúrase hoxe, e poderá visitarse na Casa da Cultura ata o 19 de febreiro (de luns a venres de 11 a 13 h e de 17 a 19 h).

Esta mostra de Europe Direct A Coruña ten a transición dixital en Europa como eixo central, e nela pódese experimentar a través de dispositivos multimedia con pantallas táctiles. Dende estas, os e as visitantes poderán acceder a Espazo Europa, unha contorna virtual que mistura 3D e 4D na que se poden explorar os símbolos e valores da Unión Europea, así como a importancia da cultura e a ciencia. Tamén haberá un espazo adicado a descubrir o Parlamento Europeo, a través de vídeos, xogos e outros soportes.

A experiencia continúa na área “Aprende, visita, xoga e participa”. Nela haberá un apartado adicado ao coñecemento da Intelixencia Artificial, no que a Unión Europea é pioneira na súa regulación e tamén visitas virtuais a institucións europeas e xogos educativos para todas as idades.

Experiencia Europa tamén ofrece un recuncho interactivo no que os cidadáns e cidadás terán a oportunidade de contribuír coa súa opinión a un estudo provincial sobre os principais retos para o futuro da Unión Europea. O público poderá levar como recordo da súa experiencia unha fotografía xerada por un sistema de intelixencia artificial que insire ao usuario en diferentes espazos.

A exposición complétase cunha mostra de vídeos realizados por Europe Direct A Coruña con información tanto xeral como especializada das oportunidades de participación e formación que ofrece a Unión Europea aos diferentes públicos.

Europa no teu Concello. Esta mostra itinerante forma parte da programación que Europa no teu Concello ofrece aos membros da rede. Europe Direct A Coruña puxo en marcha esta iniciativa, da que xa forman parte 43 concellos, para aproximar a información sobre a Unión Europea a toda a cidadanía da provincia, en especial, da mocidade.

 Europe Direct A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como  proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, no número de teléfono 981 080 331 ou ben visitar a páxina web da actividade: https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/experiencia-europa/