A mostra de fotografía “Auga. O sangue da terra” de Manuel Valcárcel chega a Valdoviño da man da Obra Social de Abanca
A exposición inaugurarase este luns 11 de abril ás 11 horas
Valdoviño, 8 de abril de 2022. A exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel, chega a Valdoviño da man de Afundación, a Obra Social de Abanca. O vindeiro luns 11 de abril ás 11 h a Casa da Cultura acollerá o acto de inauguración da mostra, aberto á cidadanía. Así mesmo, a responsable de Relacións Institucionais de Afundación, Verónica Rego López, e o responsable de Banca institucional de Abanca en A Coruña, José Manuel Vilariño Orgeira, asinarán co alcalde, Alberto González, o convenio de colaboración que posibilita a exposición da obra no noso municipio. A partir de entón, o proxecto, que se inclúe na corrente Cultura por Alimentos, poderá visitarse ata o 15 de maio. Por este motivo, anímase ao público a acompañar a súa visita coa doazón de alimentos.
A través da súa obra, o fotógrafo rende homenaxe á auga como elemento vital e motivo de unión, que debe ser coidado e protexido xa que marcará o devir das xeracións vindeiras. A súa visión do que foi, é e será a Terra e unha chamada á súa protección.
Así mesmo, o carácter social da exposición amplíase coa súa participación en Cultura por Alimentos, un movemento que apela á sensibilidade das persoas para que, á vez que asisten ás actividades culturais, colaboren coa doazón de alimentos. Unha vez rematada a mostra, farase público o volume de alimentos recollidos.
O horario de visita a partir do día 11: de luns a sábados de 12 a 14 e de 17 a 19 h e os domingos de 10 a 14 h. Durante a Semana Santa o horario será de 12 a 14 h.