A Mancomunidade remata as obras no refuxio de Mougá, que aumentaron un 70% a súa capacidade
As prazas para cans pasan de 70 a 120 e de gatos de 40 a 76
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, integrada polos concellos de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño, vén de rematar as obras ampliación do refuxio de animais de Mougá —en funcionamento desde agosto de 2010—, que se atopa na parroquia de Esmelle. O proxecto foi adxudicado por 119.876,77 ive incluído e os traballos desenvolvidos fixéronse tendo en conta as indicacións da veterinaria responsable do centro e da veterinaria da consellería de Medio Ambiente, que previamente inspeccionou as instalacións. Os alcaldes de Ferrol; Fene, Juventino Trigo; Cabanas, Carlos Ladra; Ares, Julio Iglesias; Valdoviño, Alberto González; e o concelleiro Miguel Mahía, de Mugardos, visitaron onte as novas instalacións.
O refuxio de animais de Mougá ocupa unha superficie de 1.000 metros cadrados na que se dispón de compartimentos para a estancia de animais, conta cunha clínica veterinaria e salas de corentena para animais e dun lazareto para animais enfermos. As obras de ampliación incluíron a construción dun módulo cuberto para o aloxamento de outros 50 cans e outro, tamén cuberto, para gatos, cun patio pechado, que inclúe tres novos espazos para gatos, con capacidade para 12 cada un, en total 36 novas prazas.
Polo tanto, a construción destes dous novos módulos aumentaron a capacidade do refuxio nun 70 % aproximadamente, aumentando as prazas para cans de 70 a 120 e de gatos de 40 a 76. Estes traballos foron acompañados por outras actuacións, como o saneamento de augas pluviais e melloras no alumeado, coa súa ampliación mediante proxectores led.
A ampliación nas instalacións do refuxio que a Mancomunidade vén de rematar foron sufragadas integramente polos concellos membros. Incrementouse a superficie ocupada, que pasa dos 1.000 metros cadrados a 1.350, dos que 228 están destinados ás novas dependencias para cans e gatos. Polo tanto, a intervención supón un aumento da capacidade do refuxio e melloras na xestión dos animais que permiten, por exemplo, a separación de animais infecciosos ou contar con espazos para mantelos abrigados da intemperie. Tamén acondicionouse unha nova zona de xogo para os animais.
Adopcións e acollida de animais
Neste momento urxen as adopcións de gatos —o refuxio conta agora con 113— e de cans de razas potencialmente perigosas. O número de cans custodiados polo refuxio ascende a 58, dos que só 12 son susceptibles de adopción. O resto encóntranse pendentes de que se resolvan os expedientes abertos aos seus propietarios tanto polo vía penal como pola vía administrativa, que compete á consellería de Medio Ambiente.
En 2020 a Mancomunidade dirixiu un escrito a este departamento, aprobado por acordo plenario, esixindo máis celeridade para estes expedientes co fin de evitar que os animais pasen anos nun centro de recollida debido ao procedemento administrativo. Ante esta situación a Mancomunidade está utilizando a fórmula de acollida, que permite que, mediante un contrato, algúns destes animais bloqueados administrativamente —15 en total actualmente— se aloxen temporalmente con familias mediante o correspondente contrato. Esta solución, sen embargo, non representa unha descarga para o refuxio posto que os animais continúan baixo a súa responsabilidade. Ademais, a acollida non é legalmente posible cos animais de razas potencialmente perigosas e non se adapta ao caso dos animais de maior idade, co cal eses exemplares deben permanecer no centro todo o tempo que se prolongue o expediente xudicial ou administrativo, habitualmente anos.
Por outra banda, dos 12 cans actualmente susceptibles de adopción, 11 deles son
cans de razas potencialmente perigosas. Os cans que non pertencen a estas razas son adoptados rapidamente mentres que os cans de razas potencialmente perigosas, debido aos requisitos legais e á súa mala imaxe, son os que máis difícil o teñen para ser obxecto de adopción, segundo explican desde o refuxio.